Ana Pontón propón unha Axenda Urbana baseada no modelo Pontevedra

Foto.-bng

Ana Pontón quixo aproveitar o Día Mundial do Medio Ambiente para facer “unha reflexión de futuro nun momento no que temos unha emerxencia ecolóxica, unha crise ambiental e unha crise sanitaria que está poñendo o foco sobre a necesidade de modelos urbanos que sexan sostibles, e que aposten pola cohesión social e pola sustentabilidade desde o punto de vista económico”.

A líder nacionalista visitou a cidade do Lérez para felicitar “a todos os pontevedreses e pontevedresas e ao equipo de goberno do BNG” polo traballo colectivo a prol dun modelo urbano respectuoso co equilibrio ambiental e que vén de acadar un novo premio internacional concedido pola Comisión Europea. “Se hai unha referencia de cambio transformador desde o punto de vista ecolóxico nas cidades galegas, esa é Pontevedra” asegurou Pontón, ao tempo que lembrou que “é un exemplo internacional na aposta por un cambio de modelo de cidade, que pon as persoas no centro, que aposta pola sustentabilidade e por espazos públicos máis amables a unha escala humana”.