Ana Pontón quere estender por Galicia o modelo municipal de éxito do BNG

2 minutes read

A portavoz nacional do BNG di que encara as eleccións do 26M con “optimismo e decisión” sabendo que ten motivos para “ir a por todas” e co obxectivo de estender por Galicia o modelo municipal de éxito do Bloque que ten demostrado que funciona transformando en positivo vilas e cidades, mellorando a vida das persoas e axudando a construír país desde os concellos.

“Ese é o reto que nos fixamos: máis BNG nos concellos, máis concellos gobernados co modelo municipal do BNG, un modelo de éxito, que mellora a vida das persoas e que demostra que, cando confiamos nas posibilidades do país e temos políticas propias, avanzamos e logramos grandes cousas”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, no acto que congregou en Santiago a unha representación de alcaldes, alcaldesas e candidat@s.

Maxia…pero co rumbo claro

Antes de Pontón, as intervencións políticas da concelleira de Benestar en Sada, Isabel Reimundez, que falou da “maxia” dos concellos BNG “pero desde o traballo diario”, para dar paso “a dous dos magos” máis significativos do modelo municipal do Bloque, como cualificou aos rexedores de Carballo e Pontevedra.

“Chamáronme de moitas maneiras na miña traxectoria política, pero nunca antes mago”, replicou Evencio Ferrero que concretou en dous eixos a fórmula BNG: “O cariño polo lugar que sentimos como propio, lugar que nos gusta ver avanzar para vivir nun espazo que lles permita ás persoas ser máis felices e, segundo eixo, a visión estratéxica, o proxecto do concello que queremos construír cun horizonte e as idas claras, sen improvisacións. Esa é a maxia que aplicamos”.

O alcalde pontevedrés atribuíu o éxito dos gobernos nacionalistas “á confianza no país e na nosa xente”. “Cando me preguntan se o modelo Pontevedra o podería desenvolver outra forza contesto que non, porque o BNG elabora un proxecto propio, centrado na nosa realidade e esa confianza no que somos como país e como pobo é o que nos diferencia”, salientou Miguel Anxo Fernández Lores, convencido de que, pese aos logros, “o mellor está por vir”.

Pontón pechou a súa intervención lembrando que a cita coas urnas inclúe as eleccións europeas e puxo en valor o traballo da candidata Ana Miranda. “É a garantía de que Galiza siga tendo voz propia en Europa e tamén a candidatura das persoas comprometidas coa defensa da democracia, dos valores republicanos, dos dereitos sociais e nacionais”, salientou.