Ana Pontón renova o seu liderado no BNG ‘para construír un proxecto gañador’

1 minutes read

Ana Pontón, pechou a XVII Asemblea Nacional do BNG empezando por agradecer a confianza da militancia que, de xeito masivo co 99% do voto, renovou o seu liderado á fronte do partido. “Tede a seguridade que vou deixarme a pel para sumar cada día a máis galegos e galegas ao proxecto do BNG”, proclamou tras poñer en valor a forza do colectivo, “porque unha persoa soa pode camiñar máis rápido, pero xuntas imos máis lonxe”. Advertiu do “nerviosismo” do PP, e animou a mocidade a sumarse ao nacionalismo “porque somos alternativa real ao Partido Popular”, asegurou.

Como retos da formación neste novo ciclo Pontón salientou a tarifa eléctrica propia, o reforzo da sanidade pública ou a vellez digna. Tamén a aposta por un “novo modelo forestal que acabe coa praga do eucalipto e de ENCE”, subliñou. “Imos derrotar os do non porque somos o BNG do si”.

O País, alegou, precisa ter un goberno coas mans libres, lonxe da submisión á Madrid e aos lobbys económicos, e volveu convidar a facer historia porque é posible derrotar ao PP.

A Executiva Nacional que encabeza Ana Pontón sitúa como número dous o deputado autonómico Luís Bará. Séguenlles -por esta orde- Xabier Campos, Rubén Cela, Carme da Silva, Olaia Ledo, Bieito Lobeira, Lucía López, Manuel Lourenzo, Breixo Lousada, Ana Miranda, Lois Pérez, Montse Prado, Noa Presas, Néstor Rego, Xosé Luís Rivas ‘Mini’, Olalla Rodil, Goretti Sanmartín e Eva Villaverde.

Pontón concluíu destacando que tras esta asemblea, na que tamén se aprobou o informe e o relatorio político cun apoio case unánime da militancia, o BNG arranca un novo ciclo político co reto de liderar o goberno para construír unha Galicia en grande e facer historia.