Ana Pontón volve pedir un confinamento de dúas semanas ante o descontrol da pandemia


Ante a escalada de contaxios por coronavirus en Galicia a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, volve pedir un confinamento de dúas semanas como medida contundente para frear a cadea de contaxios e salvar vidas, e insta á Xunta e ao Goberno español que activen unha medida “dura” pero que se ten demostrado eficaz contra o virus.

“Goberno español e Goberno galego deben poñer en marcha a única medida que sabemos que é eficaz para frear a cadea de contaxios como é o confinamento, que desde o BNG propoñemos sexa de quince días, que permita baixar unhas cifras que mostran o descontrol do virus”, demandou a líder nacionalista desde Ferrol, onde mantivo un encontro de traballo con responsables municipais de todos os concellos da comarca.

“Sabemos que é unha medida drástica que a ningún goberno lle gusta tomar pero que é eficaz para conter a pandemia e, polo tanto, para salvar vidas”, recalcou.