Ángeles Vázquez defendeu no Parlamento a futura Lei de residuos de Galicia

1 minutes read

A Lei de residuos e solos contaminados superou o seu debate á totalidade no Parlamento co reto de conducir á Comunidade cara a un novo modelo de economía circular que se afaste do trinomio extraer, usar e tirar, e adiantar deste xeito ao Goberno do Estado á hora de dotarse dun marco normativo moderno, eficaz e adaptado á normativa comunitaria en relación a esta materia.

Así o subliñou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que se encargou de abrir o debate na Cámara cunha intervención na que defendeu a necesidade de adaptar unha lexislación autonómica que tras 12 anos de vixencia quedou “obsoleta” fronte aos importantes cambios que se produciron tanto na forma de producir e consumir, como na xeración de residuos e na súa xestión.

Intervención parlamentaria da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.

Con este obxectivo xeral, a conselleira citou entre os puntos fortes da lei que acaba de iniciar a súa tramitación parlamentaria a simplificación administrativa, a mellora do control e da xestión dos procedementos que corresponden ás Administración públicas, a aposta pola creación de emprego verde vencellado ao sector residuos e a garantía dun marco xurídico máis completo e tecnicamente axeitado para responder ás necesidades existentes.

Coa futura Lei de residuos Galicia situarase á cabeza das comunidades e rexións europeas en apostar pola xerarquía na xestión dos residuos incidindo na prevención, así como á hora de integrar na súa normativa o contido da directiva comunitaria en materia de plásticos, fixando mecanismos eficaces para loitar contra o plástico dun só uso e contra o desperdicio alimentario, entre outros aspectos.