Ángeles Vázquez insta aos profesionais urbanísticos a priorizar o coidado da paisaxe


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, emprazou este mércores a arquitectos, paisaxistas, urbanistas e outros colectivos do sector a incorporar a protección da paisaxe como un criterio prioritario e clave en calquera intervención urbanística sobre o territorio.

Durante a apertura do seminario Revitalizar a paisaxe rural: aldea do Couto, un encontro de traballo para profesionais organizado pola Fundación Juana de Vega, Ángeles Vázquez incidiu na importancia da paisaxe como parte da identidade patrimonial de Galicia e pola súa incidencia sobre o turismo, un dos motores económicos da comunidade.

O obxecto deste encontro, que se prolongará ata o próximo venres, é analizar as posibilidades de desenvolvemento urbanístico do medio rural desde unha perspectiva respectuosa co entorno e as súas singularidades a partir dun caso práctico: o da aldea do Couto, no Concello de Ponteceso. Neste sentido, a conselleira salientou a importancia de encontros coma este, que permiten aos diferentes sectores e colectivos que traballan a diario no eido do urbanismo compartir coñecementos e buscar novas ideas e alternativas.

A conselleira indicou que nos vindeiros meses estará rematado o documento estratéxico da Infraestrutura Verde da Área da Coruña, un proxecto piloto e pioneiro en Galicia que sentará as bases para a futura Estratexia de Infraestrutura Verde, un instrumento de planificación de zonas naturais e doutro tipo de elementos para garantir a provisión de servizos ambientais e protección paisaxística en zonas urbanas e do rural.

Por último, Vázquez Mejuto tamén se referiu á elaboración dunha serie de manuais de boas prácticas de carácter técnico sobre diferentes temáticas paisaxísticas e campos de actuación.