Trátase dunha empresa 100% galega que centra a súa actividade produtiva en recuperar os refugallos plásticos que recibe Sogama a través do contedor verde na bolsa negra, aqueles que non son correctamente separados en orixe polos cidadáns e que Sogama separa da bolsa negra, de fracción resto.
Tal e como coñeceu a conselleira de Medio Ambiente durante a visita a esta nova planta en Cerceda, de máis de 9.000 metros cadrados, esta empresa ten unha capacidade de valorización de plásticos dende as 18.000 toneladas ata as 65.000 toneladas anuais, máis que o total das toneladas de residuo plástico flexible que se xeran en toda Galicia e chegando a converterse na primeira empresa española en capacidade de reciclaxe de plástico.
Neste sentido, o director xeral de Sogapol, Javier González, explicou que este tipo de material, sexa de orixe domiciliario ou agrícola, supón un desafío medioambiental debido á dificultade que ten a súa reciclaxe, motivo polo que salientou que esta planta industrial é o resultado de 10 anos de traballo, deseñando unha “tecnoloxía propia” para poder ofrecer un “coñecemento avanzado e ao máis alto nivel europeo” no tratamento destes residuos plásticos.
Na mesma liña, a conselleira sinalou que grazas á actividade de empresas como Sogapol, que ademais dan traballo directo a 870 persoas, Galicia sitúase á vangarda na valorización de materiais plásticos, recuperando plásticos de difícil tratamento para lograr segundos usos dos mesmos como novos produtos con alta calidade e incluso xerando valor co filme de postconsumo, o que non se adoita facer a nivel industrial no mundo.
A conselleira tamén destacou outro valor desta empresa, pois a súa proximidade co Complexo medio ambiental de Sogama evita a produción de CO2 que implicaría o traslado destes residuos a outro punto de Galicia.