Nacido en Coristanco, Angeliño incorporouse ao Deportivo da Coruña con dez anos e militou no club coruñés durante seis tempadas. En 2013 incorporouse á Academia do City onde impresionou nas categorías sub 18 e sub 23, así como durante a súa produtiva cesión ao New York City en 2015.
Tras o seu regreso, Angeliño debutou co primeiro equipo ante o Aston Villa (4-0) na FA Cup en xaneiro de 2016. Tamén participou na vitoria 1-0 ante o Steaua de Bucarest en agosto antes de estrearse como titular ante o Swansea na Copa da liga (2-1). Para fomentar a súa progresión, o lateral xogou como cedido no Xirona e o Mallorca o resto da tempada antes de incorporarse ao NAC Breda holandés a tempada 2017/2018 na que logrou catro premios ao Mellor Debutante do Mes.
A súa boa campaña en Holanda abriulle, o pasado mes de agosto, as portas do PSV Eindhoven, no que impresionou nos 34 partidos de liga nos que achegou un gol e dez asistencias. No PSV, Angeliño tamén saboreou a liga de Campións na que o cadro holandés quedou emparellado con Barcelona, Tottenham e Inter de Milán na fase de grupos.