Antonio Pensado, condenado a sete anos de inhabilitación | A sentenza non é definitiva

1 minutes read
  • A Audiencia Provincial considera probado que Pensado, alcalde do PP entre 1991 e 2015, autorizou en 2012, a unha empresa a almacenar residuos de demolición e construción nunha finca.

O exalcalde de Coristanco, Antonio Pensado, foi condenado a sete anos de inhabilitación por un delito de prevaricación administrativa, segundo a sentenza da sección segunda da Audiencia Provincial. Esta entende que Pensado actuou dunha maneira “arbitraria e contraria á legalidade”. A mesma condena impónselle aos tres empresarios que estaban inmersos na causa.

Segundo a información do TSXG os xuíces entenden que Antonio actuou «concertadamente» cos tres empresarios «para tratar de deixar sen efecto» as sancións da Xunta polo depósito de materiais non autorizados. Os acusados foron absoltos de falsidade documental, trafico de influencias e prevaricación de contido económico.

Antonio Pensado, para o que lle pedían catro anos e medio de prisión e 36 de inhabilitación, deixará o seu posto de concelleiro na corporación coristanquesa. De todos os xeitos, a sentenza non é definitiva e o seu avogado comunicou que pensa recorrela.