Anunciado o nome dos galardoados coas Medallas Castelao 2022

2 minutes read

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou o nome dos galardoados coas Medallas Castelao 2022 o político Camilo Nogueira, o chef Javier Olleros, a Coral Polifónica El Eco, o equipo feminino de fútbol sala Pescados Rubén de Burela e o xornalista Javier Sánchez de Dios. Tal e como explicou, o Goberno galego recoñece a traxectoria profesional e persoal dos condecorados, o seu traballo, os seus logros e que leven o nome de Galicia máis aló das nosas fronteiras.

Camilo Nogueira, un dos pais do Estatuto de Galicia e un dos maiores defensores dos intereses de Galicia en Europa como eurodeputado. “Non hai mellor culminación da celebración dos 40 anos de autonomía” di Rueda.

O chef Javier Olleros, que rexenta Culler de Pau, o primero e único restaurante galego que conta con dúas estrella Michelín. “Fixo historia en 2020 e está sempre disposto promocionar a gastronomía galega e Galicia onde sexa necesario”.

A Coral Polifónica El Eco, que vén de celebrar o seu 140 aniversario, converténdose na agrupación máis antiga de España que está en activo, dixo, ao tempo que recordou que foi fundada por Pascual Veiga, compositor da música do Himno de Galicia.

O equipo feminino de Pescados Rubén Burela FS, “unha institución referente no mundo do deporte e na promoción da igualdade na sociedade”, sinalou. É tetracampión da Supercopa de España, campión da Futsal Women´s Europea Champions e nomeado mellor equipo de fútbol sala feminino do mundo.  

O xornalista Javier Sánchez de Dios que conta cunha consolidada e ampla traxectoria en prensa escrita, radio e televisión, “comezou como cronista ao pé da noticia, despois exerceu diferentes responsabilidades nos medios e na actualidade escribe artigos na prensa escrita”.

A Medalla Castelao é unha condecoración de carácter civil outorgada pola Xunta ás personalidades e institucións que destacan polo seu traballo no eido artístico, literario e intelectual.