COGAMI elixe como presidente a Anxo Queiruga Vila, que leva 16 anos ao fronte da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, integrada por 56 entidades que traballan pola defensa dos dereitos das persoas con discapacidade e a súa participación social en igualdade de oportunidades.
Este sonense de nacemento e compostelán de adopción, revalida o cargo durante a celebración da XIX Asemblea Extraordinaria celebrada en Santiago, acompañado por 40 persoas representantes da xunta directiva, de entidades membro ademais de persoas convidadas pola Organización. Tras agradecer a confianza depositada novamente, Queiruga expresou “seguiremos traballando a favor da plena inclusión das persoas con discapacidade, esixindo o noso espazo na sociedade dende unha visión de dereitos humanos que faga posible rachar as barreiras que limitan a nosa participación social”.