Aparece o cadáver dun home aboiando na praia de Lourido, en Muxía

1 minutes read
  • Un particular localizou o corpo nunha zona rochosa arredor das 18:45 horas deste mércores

Este mércores foi atopado o corpo sen vida dun home aboiando na praia de Lourido, en Muxía. O 112 Galicia tivo coñecemento dos feitos a través dun particular, quen arredor das sete menos cuarto da tarde avistou un corpo na auga, concretamente nunha zona rochosa.

Desde o 112 Galicia pasouse o aviso a Salvamento Marítimo, mobilizando un helicóptero de rescate para recuperar o corpo e trasladalo ata o areal.

No operativo tamén participaron profesionais do 061, a Policía Local e a Garda Civil, membros do Servizo de Gardacostas de Galicia e voluntarios de Protección Civil da localidade.

Segundo informan fontes da Policía Local de Muxía, o falecido é un home, J.A.L.H., veciño de Madrid e nado en 1941. As mesmas fontes explican que se atoparon diferentes aveños na zona rochosa que parecen indicar que a vítima se atopaba pasando a xornada na contorna, aínda que non apareceu, polo momento, ningunha cana de pescar.