Apoio á mellora xenética da raza porco celta para aumentar a súa poboación

1 minutes read

Este proxecto -que conta cunha axuda da Axencia Galega da Calidade Alimentaria para proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal- está actualmente en fase de desenvolvemento. Neste senso, tras actualizar a base de datos das explotacións existentes e dos animais rexistrados, estase a deseñar un plan estratéxico que posibilite o crecemento das explotacións existentes e a incorporación doutras novas. Para iso, redactouse unha enquisa para identificar os parámetros de maior interese por parte dos gandeiros que participarán neste estudo -máis dunha decena de explotacións seleccionadas- co fin de coñecer os caracteres a ter en conta na mellora xenética desta raza.
En paralelo, a Consellería do Medio Rural -tamén en coordinación coa Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta, Asoporcel- está elaborando un estudo de custos de produción do sector do porco celta en extensivo. O obxectivo é identificar, analizar e cuantificar os custos das inversións realizadas por estes gandeiros, así como os traballos e procesos necesarios para unha correcta explotación de cría de Porco Celta. As conclusións permitirán establecer rangos, de tamaño de explotación e prezos de venda, que rendibilicen esta actividade produtiva ao coñecer de primeira man cales serán os gastos e poder determinar así unha marxe de beneficio para os produtores.