Apoio ás anpas galegas para promover programas de igualdade

2 minutes read

O Diario Oficial de Galicia publica este luns a convocatoria de axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención e loita contra a violencia de xénero postas a iniciativa de Asociacións de Nais e Pais galegas (Anpas). Os apoios poden solicitarse desde o próximo martes 22 de marzo e ata o día 21 de abril.

Estas axudas, financiadas no desenvolvemento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, están dotadas con 400.000 euros, ampliables en función das necesidades, co que poderán chegar a unhas 150 asociacións. Cada solicitude poderá recibir un máximo de 3.000 euros se é de carácter individual; ou de 6.000 euros, no caso das peticións conxuntas presentadas por federacións ou confederacións de Anpas.

O obxectivo da convocatoria consiste en atender a demanda de cantas máis entidades mellor. En 2021, un total de 148 Anpas de centros educativos sostidos con fondos públicos recibiron estas axudas.

Ao abeiro desta orde poden financiarse programas e actividades de difusión dirixidas ao alumnado de centros educativos non universitarios, ás familias, ás Anpas e á comunidade educativa en xeral e que se realizaran entre o 1 de decembro de 2021 e o 30 de novembro de 2022.

Entre as actuacións concretas, apóiase a celebración de escolas de pais e nais que aborden temas de igualdade; obradoiros de educación afectivo-sexual e sobre violencia de xénero e a elaboración de materiais informativos para nais e pais que lles axuden a detectar estes casos. Tamén a realización de accións de formación, sensibilización e difusión contra a cosificación do corpo das mulleres e contra a hipersexualización das nenas; a formación para pais e nais ou mozos e mozas sobre o uso adecuado e crítico das novas tecnoloxías (especialmente na protección da privacidade e sobre os ciberdelitos como stalking, sexting ou grooming) e sobre novas masculinidades ou micromachismos; e outras accións que permitan avanzar na eliminación dos estereotipos e dean pautas para previr a violencia de xénero e sobre como actuar ante casos de agresións.