A Consellería do Mar colabora un coas catro federacións de confrarías de pescadores de Galicia -a galega e as provinciais da Coruña, Lugo e Pontevedra- poñendo á súa disposición 332.000 euros en axudas para facer fronte aos gastos correntes que se produzan no ano 2022 derivados do seu funcionamento. Esta colaboración materialízase todos os anos a través dun convenio que se asinou recentemente para o presente exercicio.
As catro federacións, que agrupan ás 63 confrarías da comunidade autónoma e que aglutinan a máis de 13.000 profesionais afiliados, poderán beneficiarse de apoios para atender pagamentos relacionados coa contratación de persoal, arrendamentos, reparacións e material de oficina ou indemnizacións por razón de servizo, entre outros.
Para o control de cada un destes convenios créase unha comisión de seguimento composta por dous membros designados por cada unha das partes asinantes. A vixencia desta colaboración é ata o 31 de decembro de 2022.
Con estes apoios buscan afianzar a cogobernanza e a coxestión do medio mariño entre a Administración e o propio sector e poñer en valor o labor das federacións na representación e defensa dos intereses do sector marítimo-pesqueiro co obxectivo de impulsar a súa competitividade e a súa sustentabilidade. Neste sentido, a Consellería do Mar busca tamén a través deste tipo de colaboracións recoñecer o importante traballo destas entidades no coidado dos recursos pesqueiros e marisqueiros e na defensa do futuro do sector.