A directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, visitou este venres as instalacións da empresa de produtos químicos Savelo, situada no concello de Carballo, para coñecer o proxecto de modernización que a compañía desenvolveu grazas á axuda do Leader. Durante a visita puxéronse en valor os avances deste proxecto, que supón un investimento total de máis de 553.000 euros, dos cales 125.000 proceden de fondos Leader. Esta actuación permitiu a creación dun novo posto de traballo e a consolidación de máis de oito unidades de traballo anual.
A intervención contempla a construción dunha nave industrial no polígono de Bértoa, destinada ao almacenamento e fabricación de produtos de limpeza, perfumería e droguería. Así, búscase modernizar a empresa e incrementar a capacidade produtiva da planta que Savelo xa posúe en Coristanco.
Entre os principais obxectivos do proxecto destacan a creación e consolidación de emprego na zona, a ampliación e modernización da empresa, a utilización de enerxías renovables —cun sistema de caldeira de pellets para climatización— e a adopción dun manual de boas prácticas ambientais. Ademais, a empresa aposta por reducir o consumo eléctrico coa instalación de iluminación LED e mellorar a súa presenza dixital mediante o uso das TIC.
As axudas Leader, xestionadas polos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR), están dirixidas a apoiar tanto proxectos produtivos que xeren emprego como iniciativas non produtivas que repercutan positivamente na calidade de vida da poboación en xeral.
Case 57 millóns de euros ata 2027
Neste novo período do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (Pepac), a intervención Leader está dotada con 56,9 millóns de euros ata o ano 2027. Deste orzamento case 40 millóns de euros están destinados a financiar axudas para a execución de operación en apoio de terceiras persoas.
Na convocatoria de 2025 recibíronse preto de 600 solicitudes para a posta en marcha de diferentes proxectos de desenvolvemento rural, cun orzamento de 12,6 millóns de euros e dentro do Plan Estratéxico da PAC (Pepac).