Xunta e Cruz Vermella apoian o salvamento marítimo e a loita contra a contaminación

1 minutes read

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e a presidenta da Cruz Vermella en Galicia, Mercedes Casanova, asinaron a renovación do convenio de colaboración da Administración galega con esta entidade en materia de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña. A este acordo a Xunta destina 60.000 euros para sufragar as actividades realizadas ao longo deste ano e as que se desenvolverán o próximo 2024, con 30.000 euros para cada exercicio, e que inclúen, entre outras actuacións, operacións de rescate e de busca de desaparecidos no mar.

No acto de sinatura do convenio tamén estivo presente o subdirector xeral do Servizo de Gardacostas de Galicia, Lino Sexto, posto que a colaboración entre ambas partes materialízase a través deste organismo autonómico.

Esta cooperación implica a participación da Asemblea Autonómica de Galicia da Cruz Vermella Española, que conta con estacións e postos de salvamento ao longo do litoral galego, en tarefas de salvamento marítimo e loita contra a contaminación de forma coordinada cos medios da Consellería do Mar. Así, a entidade pon a disposición os seus medios operativos alí onde sexan necesarios e, pola súa banda, ao Executivo autonómico correspóndelle coordinar e colaborar coas tarefas que realice coa Cruz Vermella nesta materia. A Xunta leva destinado desde 2009 a esta finalidade máis de medio millón de euros (556.000 €) para sufragar as actividades realizadas.