Aprobadas 277 axudas para o alumnado de 2º ciclo de infantil e do Conservatorio de Música de Carballo

2 minutes read
  • Na Xunta de Goberno Local tamén foi adxudicado o contrato do servizo do programa Concilia, que entrará en vigor o 1 de setembro

A Xunta de Goberno Local de Carballo aprobou, na sesión celebrada este luns, a concesión de 277 axudas ao estudo para alumnado de 2º ciclo de Educación Infantil e do Conservatorio Profesional de Música (CMUS). No primeiro caso serán 251 axudas, por un importe total de 37.650 euros, e no segundo, 26 bolsas por 4.551 euros. Tamén saíron adiante as subvencións de conciliación da vida familiar correspondentes aos campamentos de verán do ano 2019.

En materia de conciliación, a Xunta de Goberno Local adxudicou a prestación do programa Concilia á empresa A Billarda S.L. por un ano con posibilidade de tres prórrogas anuais. Precisamente nestes momentos está aberto o prazo de matrícula: ata o 9 de agosto para o curso completo e ata o 13 para o período comprendido entre o 1 de setembro, cando empeza o servizo, e o día de inicio das clases.

Outros acordos
Na sesión deste luns foron aprobadas gratificacións por algo máis de 12.000 euros e facturas por 23.000. Así mesmo, establecéronse os presos públicos para dúas das actividades formativas do Festival Carballo Interplay: o Taller Kamikaze, que custará 150 euros; e o Taller de creación de contido con Freeda, 20 euros.

Tamén saíron adiante varias licenzas urbanísticas e a proposta de adquisición dunha parcela de 3.000 metros cadrados en Xoane para a construción do centro social da parroquia de Goiáns. O importe total é de 5.000 euros, dos cales a metade sufragaraos o Concello e a outra metade, a veciñanza.

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local adxudicou á empresa Vázquez y Reino o contrato mixto de subministro e obras de mellora da seguridade viaria no polígono industrial de Bértoa, que se financiará con cargo ao remanente de tesourería do ano 2019 con 166.460,28 euros.

En materia de contratación, por último, foi adxudicado á empresa PW Advisory & Capital Services, por 9.728,70 euros, o contrato de servizos de asistencia técnica para a inspección e auditoría do contrato de xestión dos servizos de recollida de residuos sólidos urbanos, transporte, punto limpo e canceira municipal.