O Consello Nacional do BNG aprobou este sábado as “mellores candidaturas” para canalizar o voto do “cambio útil” nas eleccións do 18-F e abrir un novo tempo en Galiza. Unhas candidaturas que, segundo destacou a portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, “gañan impulso con novas incorporacións pero tamén apostan polo inmenso caudal de experiencia” acumulada durante os últimos anos polo grupo parlamentario. “A experiencia na oposición é un gran valor e un gran activo para liderar o próximo goberno de Galiza”, subliñou.
Pontón comprometeu a vontade de todos as candidatas e candidatos a “deixarse a pel” e a non “escatimar esforzos” para dar resposta a esa maioría social que quere cambio e ve no BNG a alternativa real para conseguilo. “Este é o momento do BNG, porque somos a forza do cambio útil para Galiza, somos a esperanza e a ilusión para todas as persoas que queren abrir un tempo novo, e imos deixarnos a pel para ofrecerlles a vitoria do cambio o 18F”, proclamou.
Nun chamamento á mobilización masiva e a concentrar no BNG todo o voto do cambio como única alternativa para derrotar ao PP, Pontón advertiu de que “non se pode perder ningunha papeleta” porque existe unha maioría “que quere abrir un tempo novo” a partir do 18-F, concluíu.