Aprobado definitivamente o plan parcial para construír un parque comercial na Revolta

Pleno ordinario Carballo 29 junio_Ayuntamiento

  • O proxecto desenvolverase nunha superficie próxima aos 50.000 metros cadrados e contará con 281 prazas de aparcamento

A corporación municipal de Carballo celebrou este luns a primeira sesión ordinaria presencial dende a declaración do estado de alarma,e nela aprobouse por unanimidade o plan parcial que permitirá a construción dun parque comercial na zona da Revolta. O proxecto desenvolverase nunha superficie próxima aos 50.000 metros cadrados, cunha edificabilidade de 28.000 metros cadrados, amplas zonas verdes, 7.600 metros cadrados para espazos libres e 281 prazas de aparcamento. A actuación enlazará ademais co itinerario peonil e ciclista da AC-552 que ten pendente de rematar a Xunta de Galicia e incluirá, a través dun convenio co Concello de Carballo, a construción dunha rotonda de acceso na AC-552.

Por unanimidade tamén foron aprobados os catro primeiros puntos da orde do día: a acta da sesión anterior e tres bonificacións do ICIO para outras tantas empresas que, en total, realizarán un investimento superior a 1,5 millóns de euros.

Modificación do orzamento
O debate central da sesión ordinaria xirou arredor do expediente de modificación do orzamento por un importe de 1,4 millóns de euros, que irán destinados ao programa da Concellaría de Promoción Económica para inxectar economía nos sectores obrigados a cesar a súa actividade durante o estado de alarma. Este cartos tamén servirán para impulsar distintos sectores estratéxicos para Carballo a través dunha serie de investimentos en infraestruturas e bens. Terra Galega trasladou as súas críticas cos votos en contra dos seus dous representantes, mentres que os catro do PP e os tres do PSOE abstivéronse.

O pleno celebrouse coas medidas de distanciamento e protección precisas e cunha homenaxe ás miles de vítimas da pandemia provocada pola COVID-19. Tamén houbo unha lembranza para o ex-alcalde José Sánchez Vilas, finado durante o confinamento, e na súa memoria gardouse un minuto de silencio.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha