Aprobado definitivamente o proxecto de equidistribución para crear unha nova área comercial na Laracha

1 minutes read

Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada este mércores no Concello da Laracha acordouse aprobar con carácter definitivo o proxecto de equidistribución no ámbito do Plan Parcial AR-S1 “Gallega de Mallas”, promovido pola sociedade Inmobiliaria Gabenlle coa finalidade de crear unha nova área comercial nun emprazamento estratéxico, na entrada ao núcleo urbano da Laracha en dirección A Coruña, xunto á estrada AC-552.

O ámbito abarca unha superficie bruta de 28.890 m2, sobre a cal se proxecta un aproveitamento lucrativo total de 17.334 m2. Como efecto principal da aprobación do documento de distribución, faise efectiva a transmisión ao Concello do 10 % de dito aproveitamento como cesión obrigatoria de acordo ao establecido na normativa urbanística vixente, polo que se incorpora ao patrimonio municipal unha parcela de 1.733,4 m2 dese ámbito, apta por tanto para albergar actividade comercial.

Paralelamente ao proxecto de equidistribución cabe lembrar que o Plan xa fora aprobado con carácter definitivo en abril do ano pasado e que o proxecto de urbanización está na última fase de tramitación e conta con todos os informes sectoriais favorables, polo que se prevé aprobalo en próximas datas.

O desenvolvemento do Plan Parcial AR-S1 suporá un paso importante para a dinamización económica da Laracha, xa que xerará novas oportunidades para impulsar a actividade comercial e xerar emprego de calidade. A nova área industrial, que contará con 177 prazas de estacionamento público, foi deseñada con criterios de eficiencia, accesibilidade e compatibilidade co entorno, o que garantirá unha integración harmónica co tecido urbanístico e viario existente.