Aprobado o Plan Nacional de resposta ás consecuencias da guerra en Ucraína

1 minutes read

O Consello de Ministros aprobou o Real Decreto-lei polo que se adoptan medidas urxentes no marco do Plan Nacional de resposta ás consecuencias económicas e sociais da guerra en Ucraína.

A vicepresidenta primeira do Goberno e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, afirmou que a situación é grave e que o Goberno está a actuar en consecuencia, «con responsabilidade e empatía» e ofrecendo unha resposta coordinada a nivel europeo «baseada na unidade, a determinación e a solidariedade».

O Plan prevé mobilizar 16.000 millóns de euros de recursos públicos, 6.000 millóns deles en axudas directas e rebaixas de impostos, e 10.000 a través dunha nova liña de avais xestionados a través do ICO.

Os oito obxectivos concretos para «repartir de forma xusta os efectos da guerra e preservar ao máximo a senda de crecemento e de creación de emprego iniciada xa en 2021», resumiu Calviño, son baixar o prezo do gas, a electricidade e os carburantes axudando en particular aos colectivos máis vulnerables; apoiar aos sectores e ás empresas máis afectados e particularmente a pemes e a autónomos; reforzar a estabilidade de prezos; garantir as subministracións; protexer a estabilidade financeira; acelerar o despregamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia; impulsar a eficiencia enerxética e reforzar a ciberseguridade.