Entre os obxectivos que establece este novo PXOM figuran a consecución dun desenvolvemento harmónico dos núcleos poboados e a conservación das áreas rurais habitadas. A maiores, preténdese complementar e mellorar a estrutura territorial así como preservar os valores naturais e culturais e conservar e recuperar o patrimonio construído.
Ademais de completar as estruturas dos núcleos urbanos de Silleda e A Bandeira, incrementaranse as dotacións, fomentarase o transporte sostible e completarase o sistema viario urbano.
E, por outra banda, o novo planeamento urbanístico prevé potenciar a zona norte do núcleo de Silleda como espazo ligado a usos terciarios e a zona este como área reservada a usos industriais.
O Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) de Silleda, queda condicionado ao cumprimento dunha serie de requisitos técnicos, o Concello terá que resolver algunhas cuestións relativas, por exemplo, ao modelo territorial e á calidade residencial, á clasificación de solo ou á normativa, segundo explicou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a sinatura da orde de aprobación.