Aprobado o proxecto de expropiación dos terreos afectados pola urbanización do entorno da igrexa de Lestón, na Laracha

1 minutes read

A Xunta de Goberno Local, reunida este mércores en sesión ordinaria, acordou elevar a definitiva a aprobación do proxecto de expropiación dos terreos afectados pola urbanización do entorno da igrexa de San Martiño de Lestón. Faise unha vez superado o período de exposición pública trala aprobación provisional sen terse presentado alegacións.

O expediente comprende catro parcelas que suman unha superficie total de 2.981 metros cadrados. O Concello investirá 64.000 na súa adquisición. Na Xunta de Goberno Local tamén quedou fixado o 29 de decembro como a data na que se procederá a levantar as actas de pagamento do prezo e previas á ocupación dos terreos.

Ese será o último trámite administrativo antes de que as parcelas pasen a ser de titularidade municipal, o que permitirá ao Concello estar en disposición de executar as obras previstas nunha actuación dirixida a transformar por completo o ámbito e mellorar os seus equipamentos e condicións de accesibilidade.

Contémplase a creación dun espazo de uso público que funcionará como praza e zona de aparcamento, con capacidade para aproximadamente sesenta turismos e tamén autobuses. Para favorecer a integración da actuación no entorno, está previsto empregar un pavimento de celosía de formigón que permita o crecemento do céspede e, ao mesmo tempo, a circulación e estacionamento dos vehículos.

A actuación prevé franxas vexetais como elementos de transición entre os distintos espazos, unha nova rede de iluminación pública e a mellora dos itinerarios peonís cara o adro e o cemiterio. Do mesmo xeito, melloraranse as conexións viarias enlazando as dúas estradas que conflúen no Igrexario de Lestón e que o comunican coa AC-552 desde as Rañeiras e Fofelle.