O Concello vén de aprobar con carácter definitivo o proxecto de urbanización do Plan parcial AR-S1 “Gallega de Mallas” que promove a sociedade Inmobiliaria Gabenlle.
Dito Plan parcial, cuxo desenvolvemento está previsto no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), é unha iniciativa privada que ten por finalidade crear un novo ámbito comercial nunha parcela situada na entrada ao núcleo urbano da Laracha en dirección A Coruña, xunto á estrada AC-552. Presenta unha superficie bruta de 28.890 m2 cun aproveitamento lucrativo resultante de 17.334 m2, dos cales corresponde unha cesión do dez por cento ao Concello que xa se fixera efectiva recentemente coa aprobación do proxecto de equidistribución.
A aprobación definitiva do proxecto de urbanización supón que o promotor está en disposición de iniciar a execución das obras previstas cun orzamento de 1.969.000 euros. Contémplase a construción dun novo viario, incluíndo a glorieta de acceso á nova zona comercial desde a AC-552, zonas verdes, espazos libres e 177 prazas de estacionamento público de vehículos que van ser creadas no ámbito e posteriormente cedidas ao Concello para quedar a disposición da cidadanía.
Paralelamente, xa foi solicitada no Concello a licenza de obra para a implantación dun hipermercado nese novo ámbito, o que evidencia o interese empresarial por desenvolver este espazo e ampliar a oferta comercial no municipio.
Desde o Concello valórase esta aprobación como un novo paso cara á dinamización económica, a creación de novas oportunidades de investimento, a xeración de emprego de calidade e a mellora dos servizos para a veciñanza, cun desenvolvemento urbanístico ordenado, moderno e sostible nun dos extremos do núcleo urbano da Laracha.