Aprobado o próximo número da revista Administración&Cidadanía


Este xoves reuniuse, de xeito presencial na Escola Galega de Administración Pública e tamén a través de videoconferencia, o Consello de redacción da revista Administración&Cidadanía para aprobar os contidos do volume 17 número 2. 

O próximo exemplar da revista incluirá os artigos Suficiencia e nivelación no novo financiamento autonómico: recursos dispoñibles ou necesidades reais?, redactado por David Cantarero Prieto, Ana Carrera Poncela e Natividad Fernández Gómez, pertencentes ao departamento de Economía da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Cantabria; O pensamento conservador actual: García-Pelayo, Forsthoff e Legendre acotan a Legutko, de Francisco Vila-Conde, contratado predoutoral FPU de Filosofía do Dereito da Universidade Autónoma de Madrid; O federalismo belga: autogoberno, fragmentación e estabilidade: equilibrios internos en entornos inestables; de Daniel Casal Oubiña, profesor asociado en Ciencias Políticas e da Administración da Universidade Complutense de Madrid; Tendencia e atributos do concepto epistémico “Galicia” tras o Estatuto de Autonomía: o caso Scopus, de Javier Seijo Villamizar, profesor interino de substitución de Socioloxía da Universidade de Santiago de Compostela; e Oportunidades da economía galega post covid 19: a recuperación no ámbito industrial, enerxético e ambiental, elaborado por Fernando Blanco Silva, doutor, enxeñeiro industrial e economista, e por Diego Sande Veiga, profesor interino de substitución de Economía Aplicada da Universidade de Santiago.

O número completarase coa nota Fórmulas de xestión indirectas (contractuais e non contractuais) na nova Lei 12/2022, do 21 de decembro, de Servizos Sociais da Comunidade de Madrid: primeiro regulamento do “concerto social” en Madrid, redactada por Ximena Lazo Vitoria, profesora titular de Dereito Administrativo e Coordinador do Grupo de Investigación Compra Pública Verde da Universidade de Alcalá.