Arde parte dun edificio abandonado en Vilagarcía sen causar danos persoais

1 minutes read

Os equipos de extinción tiveron que intervir este mércores a causa dun incendio declarado no interior dun edificio abandonado en Vilagarcía. Por fortuna, ninguén resultou ferido. Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos efectivos do Servizo Municipal de Emerxencias, houbo dous puntos de lume no interior do inmoble, que consumiron colchóns, mobles e algo de roupa almacenado no seu interior.

Varios particulares chamaron ao 112 para informar da presenza dun intenso fume que saía polas ventás dunha edificación nas inmediacións da Praia de Compostela.

Acto seguido, os xestores do 112 puxeron a situación en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros do Salnés, dos membros de Protección Civil de Vilagarcía e dos axentes da Policía Nacional e Local.

Unha vez no lugar, os servizos de emerxencia extinguiron as lapas e procederon a ventilar o inmoble.