O propietario do vehículo sufriu unha crise nerviosa por culpa do incendio, que consumiu por completo a furgoneta e tamén afectou a un turismo. Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos Bombeiros do Salnés, o material pirotécnico almacenado no interior do vehículo puido provocar o lume.
Ás 22:45 horas da noite do sábado, unha persoa particular chamou ao 112 para solicitar medios de extinción para o estacionamento dun restaurante localizado na EP-9305, estrada que une as localidades de Dena e Barrantes, máis precisamente na parroquia de Xil, no concello pontevedrés de Meaño.
Así, desde o 112 púxose a situación en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros do Salnés, dos membros do GES de Sanxenxo e tamén dos axentes da Garda Civil de Tráfico.
Unha vez no punto, os equipos de extinción atallaron as lapas e confirmaron ao 112 que a furgoneta resultou calcinada por completo, o que acabou afectando tamén a un turismo que se atopaba nas proximidades. Ademais, engadiron que o vehículo estivo con anterioridade nunha celebración onde o material pirotécnico foi empregado e que, probablemente, algún artefacto, que non foi consumido por completo, puido reactivarse e provocar o incendio.
39