Arde un autobús con 63 pasaxeiros e cortan o tráfico na AG-53 en San Cristovo de Cea

1 minutes read

O incendio dun autobús con pasaxeiros orixinado na tarde deste domingo na AG-53, ao seu paso por San Cristovo de Cea, propagouse cara ao monte, aínda que xa está estabilizado. Ademais, a estrada permanecía cortada entre os quilómetros 65 e 73, segundo a DXT.

Os feitos producíronse pasadas as 17.45 horas no quilómetro 70 desta estrada, situado na parroquia de Lamas.  A parte traseira do vehículo de transporte de viaxantes comezou a arder.  Ningún dos 63 pasaxeiros quedou ferido.

A Consellería do Medio Rural rexistrou un incendio forestal na mesma parroquia ás 17.51 horas e que deu por estabilizado pouco tempo despois, ás 18.30 horas.

O incidente mobilizou a un amplo operativo de emerxencias, conformado polos Bombeiros do Carballiño, Protección Civil e a Garda Civil de Tráfico, que é responsable do corte de tráfico en sentido Ourense.

Ademais, a Xunta desprazou para a extinción do incendio forestal a tres axentes, catro brigadas, dúas motobombas, dous técnicos, dous helicópteros e dous avións.