O suceso ocorreu arredor das seis e media da tarde deste venres a unha milla do Cabo Vilán. A bordo do Nuevo Virgen Guadalupana, un barco pesqueiro de 14 metros de eslora con base en Muxía, estaban dous mariñeiros, que avisaron o 112 e conseguiron refuxiarse na balsa salvavidas. Salvamento Marítimo mobilizou a Salvamar Altair e emitiu un aviso aos barcos que navegaban pola zona. Precisamente foi outro pesqueiro o que recolleu os dous tripulantes da balsa salvavidas sans e salvos e non precisaron asistencia médica. Ata o lugar acudiron persoal de Salvamento Marítimo, do 112 SOS Galicia, Garda Civil e do Servizo de Gardacostas da Xunta de Galicia.
Tamén rescatan os 4 tripulantes dun pesqueiro á deriva ao noroeste do cabo Prior.
Os catro tripulantes dun pesqueiro que se atopaba á deriva a dúas millas ao noroeste do cabo Prior foron rescatados na tarde deste venres, tras un fallo de motor. Segundo informou Salvamento Marítimo, o aviso rexistrouse ás 16:45 horas, cando o pesqueiro Nuevo María Teresa escorou e quedou sen goberno. A tripulación solicitou asistencia para o seu traslado á Coruña. O Centro de Coordinación de Salvamento mobilizou a Salvamar Betelgeuse, que remolca o barco cara ao peirao de Oza, na cidade da Coruña.