Este martes comezou oficialmente o San Froilán en Lugo, unha das festas por excelencia do Outono en Galicia, abrindo así 8 días con máis de 200 actividades culturais, máis de 100 delas son musicais, e de ocio para todos os públicos. Kiko Veneno ou Ariel Rot serán algúns dos artistas que visitarán Lugo.
Realmente o martes foi o día da apertura oficial pero as atraccións e os postos levan xa dende o sábado a pleno rendemento e así seguirán ata o vindeiro mércores día 12, festivo nacional.
Tras dous anos marcados pola pandemia, recupérase a presencialidade total e tamén as barracas, instaladas en toda a Avenida Rodríguez Mourelo e polas costas do parque Rosalía de Castro. E por suposto recupérase tamén un dos grandes emblemas do San Froilán como son as casetas do polbo.