Artesanía de Galicia participa na Galicia Design Week


O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, asistiu á performance Coas mans, protagonizada pola chef Lucía Freitas (A Tafona, Lume, Santiago de Compostela) e polas artesás Laura Delgado (Cambre) e Idoia Cuesta (Outeiro de Rei). A iniciativa, impulsada pola Xunta de Galicia no marco do seu proxecto Artesanía no Prato, forma parte do programa de actividades da Galicia Design Week, que se celebra na Coruña ata o 17 de xullo co obxectivo de lle achegar o deseño ao público xeral da man de profesionais do sector.

O concepto inicial da performance é mostrar o traballo e a filosofía de vida das artesás e as sinerxías creadas coa gastronomía actual. No escenario, dúas artesás que traballan a diario con elementos moi diferenciados, arxilas e vimbios, que transforman coas súas mans ata convertelos en soportes utilitarios fundamentais no deseño de propostas gastronómicas de restaurantes referentes en Galicia. O terceiro elemento é a gastronomía, a artesanía máis efémera, destacando o papel da cociñeira como creativa e transformadora de materias primas.

O proxecto Artesanía no Prato, no que participan xa máis de 40 obradoiros galegos, botou a andar no 2013, co obxectivo de establecer sinerxías entre artesanía, gastronomía e deseño, grazas á colaboración de cociñeiros do Grupo Nove que comezaron a empregar pezas da marca nos seus showcookings e restaurantes.

Artesanía no Prato foi seleccionado en dúas ocasións como finalista nos Premios Nacionais de Artesanía, nos anos 2019 e 2020, na categoría de Premio Promociona para Entidades Públicas e no ano 2021 foi seleccionado como exemplo de boas prácticas no programa europeo Crafts Code, orientado a mellorar a competitividade das pemes no sector da artesanía, a impulsar o seu crecemento e a promover a innovación, no que a Fundación Artesanía de Galicia participa desde o ano 2020.