O obxecto desta liña de achegas é aumentar a competitividade dos produtores vitivinícolas, mellorar os sistemas de produción sustentables e a pegada ambiental deste sector produtivo. Así, preténdese diminuír os custos das explotacións e apostar polo seu redimensionamento ao levar a cabo reaxustes estruturais. Tamén se fomenta a adaptación das variedades ás demandas do consumidor, ao tempo que se preservan as viníferas autóctonas galegas, de menores rendementos e elevada calidade diferenciada, aproveitando así a gran vantaxe competitiva que supón a súa diferenciación no mercado.
Deste xeito, a través destas achegas aumenta o grao de profesionalización do sector vitícola galego, ao tempo que se potencia a remuda xeracional e un desenvolvemento rural socialmente viable facilitando o acceso ás explotacións de persoas viticultoras mozas e capacitadas, en particular das mulleres viticultoras de Galicia.
Poderán beneficiarse destas axudas as persoas viticultoras inscritas no Rexistro Vitícola cuxas viñas se destinen á produción de uva para vinificación, cunha superficie máxima subvencionable de 10 hectáreas por persoa viticultora e ano. Estas achegas aplicaranse ás superficies vitícolas onde se leven a cabo operacións de reimplantación de viñas, reconversión varietal e/ou melloras das técnicas de xestión das viñas.