O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, compareceu a petición propia no Parlamento de Galicia, para explicar os avances nos novos plans e medidas postos en marcha polo Goberno autonómico en materia de turismo e as novidades relativas á planificación do Xacobeo 21 desde a creación da Consellería de Cultura e Turismo.
Tendo en conta este escenario, un dos principais anuncios que fixo o titular de Cultura e Turismo foi a implantación dun novo sistema de clasificación por estrelas, en función da súa calidade e servizos, para as casas de turismo rural. Esta será unha das medidas da futura Estratexia de Turismo Rural na que a Xunta está a traballar. Trátase dunha proposta innovadora que persegue a mellora e profesionalización destes establecementos, así como a difusión e promoción dos seus servizos ou a equiparación ao resto de aloxamentos turísticos. “Todo isto apostando por dar unha maior seguridade tanto a clientes como a propietarios”, destacou Román Rodríguez antes de engadir que “é unha iniciativa que busca aumentar a oferta turística con novas experiencias que poñan en valor o noso rural aproveitando os seus recursos propios”.