Boa parte das chamadas atendidas no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia por mor das chuvias producíronse na provincia da Coruña.
Concretamente, os concellos de Ferrol, Narón, Cedeira, Mugardos, Valdoviño, a comarca de Bergantiños, Santiago e a súa área de influencia foron os lugares que maior número de intervencións rexistraron a causa das precipitacións e os seus efectos.
De feito, en Narón, debeuse interromper o tráfico na AG-64, arredor do quilómetro 6, en ambos os dous sentidos da circulación, a causa do desordamento dun río e a consecuente inundación do vial. Ás tres da tarde, o 112 Galicia comezou a recibir as primeiras chamadas de condutores parados debido á imposibilidade de seguir avanzando.
Con esta información, avisouse aos axentes da Garda Civil de Tráfico e ao persoal de limpeza e mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas, así como aos Bombeiros de Narón, para facer fronte a unha situación que aínda non mellora e que o fará coa baixada do caudal do río. Por iso, de momento, mantense cortada a circulación por esa zona.
Efectivamente, Narón está dentro dos concellos coruñeses que durante esta tarde rexistraron máis incidencias relacionadas coa climatoloxía adversa. Así, a provincia da Coruña, foi, con diferencia, a máis afectada, e onde se produciron 126 das 187 intervencións totais ata as sete desta tarde.
Pontevedra foi a segunda provincia, en canto ao número de incidencias atendidas (44), seguida de Lugo (13) e Ourense (3). En total, preto de 190 intervencións, que se basearon, de forma maioritaria, en anegamentos en rúas, estradas e vivendas e bolsas de auga (máis de 80), caída de árbores (25) e actuacións dos grupos de emerxencias para a prevención de riscos maiores (31).
Certamente, ningunha das situacións representou unha situación de perigo maior para as persoas, pero si todos os danos e inconvenientes derivados de este episodio de meteoroloxía adversa.