As confirmacións de continuidade reforzan ao Goldie Xiria

3 minutes read

Nadia Vázquez segue un ano máis como porteira.

A xoven xalleira Nadia Vázquez, que será este ano o seu primeiro como senior, renova unha tempada máis como cancerbeira do Goldie Xiria senior feminino. Nada en Suiza, esta rapaza de Santa Comba que estudará Ciencias da Actividade Física e do Deporte, leva 6 anos xogando ao balonmán, 4 deles no Balonmán Xallas e os últimos 2 no Goldie Xiria, Nesta terceira tempada coas guerreiras carballesas pretende seguir demostrando a súa valía como auténtica muralla na portería do Goldie Xiria.

Raquel Gómez continúa unha tempada máis.

A carballesa Raquel Gómez renova un ano máis o seu compromiso co Goldie Xiria na que será a súa oitava tempada no club. Xogadora no extremo esquerdo, esta destra de gran capacidade goleadora é un puntal na defensa das guerreiras verdes. Dende a idade cadete no Xiria, Raquel ven de rematar o seu Ciclo de Comercio e iniciará un Ciclo Superior de Axencia de Viaxes e Xestión de Eventos.

Aida Vizcaíno renovada un ano máis.

A zurda Aida Vizcaíno segue unha tempada máis no Goldie Xiria, coa mente posta na recuperación dunha lesión de xeonllo no final do pasado curso. Xogando dende o lateral, Aida é unha xogadora moi importante no Goldie Xiria tal e como se puido reflexar a pasada tempada, que regresaba a Carballo tras un periplo entre Camariñas e Culleredo. Rematando Ciencias da Actividade Fisica e o Deporte, este ano compaxinará a súa labor como adestradora do equipo infantil feminino, co que acaba de conseguir a permanencia en División de Honra infantil feminina co xogo no Goldie Xiria.

A primeira liña Carla Santiago, ficha polo Goldie Xiria.

A xoven Carla Santiago, incorporará unha nova primeira liña ao Goldie Xiria aportando xuventude e descaro, nunha posición que o ano pasado se viu afectada polas lesións. Carla, de 18 anos que pretende estudar Grao en Educación Primaria, leva dende os 13 xogando ao balonmán en Culleredo e esta será o seu debut sénior coas guerreiras verdes carballesas, que se verán reforzadas co ollo posto en mellorar os resultados acadados a pasada tempada.

Natalia Solís voltará ao balonmán co Goldie Xiria.

A xalleira Natalia Solís renova o seu compromiso co Goldie Xiria mentres avanza a súa recuperación dunha grave lesión de xeonllo sufrida en xaneiro. Natalia, xogadora do pivote no ataque e na defensa dende o centro, buscará atoparse co seu mellor xogo este ano baseado nun bo físico e un carácter forte na pista. Estudante de INEF na Coruña, Natalia leva 6 anos no Xiria aínda que tamén presenta experiencia de adestradora en Santiago e en Carballo.

Saray Couto segue no Goldie Xiria.

A xoven extremo carballesa Saray Couto ven de renovar o seu compromiso co Goldie Xiria no que será o seu cuarto ano coas guerreiras. Lastrada polos problemas físicos da pasada tempada, Saray busca reivindicarse e asentarse no Goldie Xiria amosando o seu compromiso co equipo. Coa mente posta na carreira de Tradución e Interpretación, este ano estudará francés e alemán, compaxinando co traballo de monitora e a práctica do balonmán.