As contas de 2023 incluirán preto de 5,5 M€ para promocionar os produtos agroalimentarios galegos


O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que as contas de 2023 incluirán preto de 5,5 millóns de euros para apoiar a promoción e a fortaleza dos produtos agroalimentarios galegos.

No 37º Congreso AECOC que se celebra en Santiago de Compostela, o titular da Xunta reafirmou o compromiso da Administración autónoma cos produtores e cos consumidores galegos, subliñando que nos Orzamentos do vindeiro ano tamén se incorporarán máis de 3 millóns para divulgar os produtos do mar nunha quincena de eventos nacionais e internacionais.

Alfonso Rueda botou man das contas elaboradas pola Xunta para o ano 2023, que se atopan en tramitación parlamentaria, como garante de que Galicia impulsa o benestar dos seus, tendo en conta que “tres de cada catro euros os destinaremos a sanidade, educación, partidas sociais e emprego”. Subliñou, ademais, que a aposta pola fortaleza económica levou a destinar 217 millóns máis que o ano pasado a reforzar a estrutura produtiva, e que no firme obxectivo de non hipotecar o futuro das novas xeracións, Galicia reducirá a débeda ao diminuír nun 50% as liñas de crédito.