As deputacións socialistas reivindican “outra forma de gobernar” en Galicia

1 minutes read

Valentín González Formoso, Carmela Silva e José Tomé participan en Granada, xunto aos titulares doutras deputacións  gobernadas polos socialistas en toda España, nas xornadas do PSOE “Os Gobernos provinciais na recuperación”.

O secretario xeral do PSdeG e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou “o papel clave” das deputacións e dos concellos galegos nos grandes retos que enfronta o país, fronte a un goberno galego “paralizado, desconectado da realidade social e máis ocupado na carreira política de Feijóo como líder do PP nacional  e na súa sucesión á fronte da Xunta que nos problemas reais da cidadanía”.

Formoso sinalou que “as administracións locais gobernadas polos socialistas están demostrando con feitos que hai outra forma de gobernar en Galicia”, e aludiu aos programas que as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra están desenvolvendo en ámbitos como os servizos sociais, a creación de emprego, a igualdade, as oportunidades no mundo rural ou o apoio aos colectivos que máis sofren as consecuencias sociais e económicas da crise. Programas con frecuencia máis ambiciosos, máis áxiles e máis conectados coa realidade social e as demandas da cidadanía que os da administración autonómica.