A calidade e a oferta gastronómica da provincia da Coruña centran o programa de actividades coas que a área provincial de Turismo está participando na Feira Xantar de Ourense desde este mércores e ata o vindeiro domingo. Un programa que inclúe cinco showcookings e degustacións de produtos característicos de distintos concellos da provincia, e co que a Deputación pon en valor o traballo de profesionais da cociña que están realizando unha aposta polos produtos de proximidade, pola sustentabilidade e pola calidade.
O programa de showcookings da Deputación abrírono este mércores os cociñeiros Paula Martínez e Lolo Mosteiro do restaurante A Artesa da Moza Crecha de Betanzos, que comezaron coa elaboración dunha empanada galega do máis especial: presentada nun cucurucho de masa e con recheo de setas de tempada, polo e verdura da Biosfera; seguiron cun crocante de bacallau con mousse de coliflor e maionesa de allada e, de sobremesa, ofreceron as súas caracteríscias trufas de cacao e alga nori, e que denominan «Rochas do Regueiro».
Nesta primeira xornada tamén tivo lugar un showcooking a cargo do cociñeiro Xusto Posse do restaurante Albaroque, que elaborou unha receita de bacallau ao pil pil con fabiñas de Carballo.