As mulleres galegas de entre 35 e 64 anos utilizan máis as tecnoloxías que os homes

1 minutes read

As mulleres galegas de entre 35 e 64 anos usan internet máis que os homes, e, ademais, as de entre 45 e 64 anos superan tamén aos homes no uso de dispositivos electrónicos.

Nas franxas de idade inferiores aos 35 anos, o uso das tecnoloxías é practicamente o mesmo entre homes e mulleres, con índices que superan o 99%, salvo no caso do uso de dispositivos electrónicos por parte de escolares de primaria ou inferior, no que esta porcentaxe sitúase en torno ao 78%, tanto por parte dos nenos como das nenas.

O informe “Mulleres en dixital: o uso das TIC desde unha perspectiva de xénero”, que acaba de publicar o Observatorio da Sociedade da Información e a modernización de Galicia da Xunta (OSIMGA), indica que só se manteñen diferenzas detectables nas persoas maiores de 65 anos. Nesta franxa, un 85,4% das mulleres utiliza dispositivos electrónicos, fronte a un 89,9% dos homes e un 57,7% das mulleres declaran usar internet, fronte a un 62,3% dos homes.

As características da poboación de Galicia explican que, tendo en conta todas as idades, o 89,1% das mulleres declaren usar internet, unha porcentaxe que é do 89,5% no caso dos homes.

O informe de OSIMGA, que depende da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, analiza comparativamente os principais indicadores que definen as diferenzas de xénero no uso das tecnoloxías en Galicia, a partir de datos obtidos no marco do convenio asinado co Instituto Galego de Estatística (IGE).

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?