O sector das orquestras e todo o que lle rodea atravesa o peor momento da súa historia, a cancelación da totalidade de eventos na tempada de verán de 2020 fixo que moitas empresas estean a atravesar crises que poderían provocar o afundimento e a desaparición de moitas delas. A preocupación é evidente, a maioría das formacións atópanse na ruína técnica, sen paro, moitos sen ERTE e sen ningunha das axudas prometidas «a cal e canto» por diferentes administracións. Ademais afirman que calquera famoso de cante ou de teatro pode facer actuacións con medidas de distanciamento social, pero ás orquestras non se lles deixa actuar de ningún xeito, nin con distanciamento, nin ao aire libre, nin de ningunha outra forma. Moitos músicos da verbena galega xa se reformularon o seu medio de vida buscando outro traballo, pero non é fácil. Ademais moitos son os que afirman que non saben facer outra cousa, cantar, tocar ou bailar é o que fixeron toda a súa vida. As administracións prometeron rescatarlles con cantidades millonarias, pero a día de hoxe esas axudas non chegan, nin directa nin indirectamente. Afirman que sempre reciben as mesmas respostas, con boas palabras, pero ninguén os axuda. Antonio Moreira, coñecido popularmente como » Peke», actualmente á fronte da orquestra A Fórmula, estalou este martes, «farto» do pasotismo das administracións e a palabrería política e publicou un emotivo vídeo reivindicativo de 22 minutos nas redes sociais onde afirma e explica porque o sector se sente «enganado, esquecido e canso de esperar», polo que pide un rescate urxente para o sector.