A reforma das pensións inclúe que entre 2024 e 2027 as pensións mínimas subirán por encima da inflación para garantir a súa suficiencia, o que supoñerá unha alza de ao redor do 22% da pensión mínima contributiva con cónxuxe a cargo, que pasará de 966,20 a 1.178,50 euros ao mes. O texto, pactado este mércores cos sindicatos e rexeitado pola patronal pola “voracidade recadatoria”, contempla varias medidas para elevar os ingresos do sistema, como unha cota de solidariedade aos salarios máis altos, o progresivo destope de bases máximas ou a ampliación do Mecanismo de Equidade Interxeracional (MEI). En total, as novas medidas achegarán ingresos por valor do 1% do PIB anual na década de 2040, segundo o ministro de Inclusión, José Luis Escrivá, que presentou a reforma na comisión do Pacto de Toledo.