Nos xardíns de Carballo chegou o momento de cambiar a planta de temporada, unha acción que se realiza dúas veces ao ano e que implica a substitución das flores que se plantaron na primavera por outras que sexan quen de resistir as condicións meteorolóxicas do outono e o inverno.
A maioría das plantas xa están en mal estado, pero algunhas son máis resistentes e aínda están en boas condicións. Por iso, en vez de envialas para compostaxe, por segundo ano consecutivo serán postas a disposición da veciñanza para que teñan unha nova vida nos fogares da vila.
O ano pasado repartíronse entre as familias que participan nos programas de compostaxe doméstica, pero nesta ocasión entregaranse aos veciños e veciñas do concello que se acheguen este xoves 26 de outubro, a partir das 11.00 horas e ata fin de existencias, ao posto que estará instalado na rúa Coruña. En total distribuiranse máis de 200 exemplares entre alegrías guineanas e begonias.