O PSdeG convocou para o 7 de abril as súas primarias á Secretaría Xeral e para o día 27 do mesmo mes o Congreso Extraordinario do que sairá ratificada a súa nova cúpula, tal e como avanzou este sábado o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, durante a súa intervención no Comité Nacional que a formación realiza este sábado na Cidade da Cultura, en Compostela.
González Formoso asegurou que na súa formación “non hai dedazos nin sucesións impostas nin baróns que decidan os apoios”, engadindo que “a diferenza doutras formacións (en relación ao PP), a militancia socialistas decide libremente quen quere que sexa o futuro do seu partido”. Formoso, que lembrou que hai dous anos a militancia deulle o seu apoio para encabezar o PSdeG, dixo que agora “é o momento de dar outra vez voz á militancia para que decida o rumbo socialista” nun “exercicio de responsabilidade e de deber democrático”. O anuncio chegou durante o Comité Nacional, máximo órgano de reunión entre congresos, ante o que recoñeceu que os resultados foron “malos” e que os socialistas da Galiza quedaron “moi lonxe de cumprir o seu obxectivos”.
Ademais, tras chamar aos presentes para “levantar a cabeza” e a “sacar o mellor de si”, reflexionou sobre o feito de que o partido tivese cinco candidatos en 15 anos. “Debemos tomar nota de que o electorado galego é moi maduro, sabe perfectamente o que vota e debemos profundar no proxecto de país e no perfil galeguista”, sinalou.