As redeiras terán 400.000 euros de apoio para a reactivación do sector

1 minutes read

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, informou de que as redeiras que rexistraron unha redución nos seus ingresos como consecuencia da alerta sanitaria pola covid-19 e non puideron beneficiarse da prestación por cese de actividade habilitada trala declaración do estado de alarma terán a posibilidade de acceder á vía de apoio específica para este sector que inclúe o plan Avantemar de reactivación para o eido marítimo-pesqueiro ante a crise derivada do coronavirus. Este programa da Xunta prevé 400.000 euros para este sector procedentes de fondos propios da comunidade autónoma.

Esta medida, que foi presentada ás representantes das redeiras de Porto do Son nun encontro que tivo lugar na nave de redes, enmárcase na liña que o plan dedica á dinamización e solvencia xeral das empresas e profesionais, unha das cinco que inclúe Avantemar co obxectivo de apoiar ao complexo mar-industria cunha inxección global de 77 millóns de euros en 2020 ante as importantes perdas acumuladas nos últimos meses.