As residencias e centros de día poderán seguir abertos en concellos con restricións

Residencia de maiores_Xunta de Galicia

  • A Xunta establece tres niveis de risco con diferentes medidas en función da aparición e control dun gromo

Este venres entran en vigor os novos protocolos de prevención para os centros de día e residenciais aprobados polo comité clínico da Xunta de Galicia. O obxectivo é manter de maneira segura a actividade nos centros de atención diúrna e as visitas de familiares nas residencias, aínda que estas instalacións se atopan en municipios ou lugares con restricións pola Covid-19.

Para poñer en marchas estas actuacións será preciso que os locais instauren grupos de convivencia estables dun máximo de 10 usuarios. Ademais, a Xunta establece tres niveis de risco (baixo, medio ou alto) en función da aparición e control dun gromo.

Niveis de risco nos centros de atención diúrna
Nos centros de día para persoas maiores cun risco baixo recoméndase non realizar actividades grupais, agás os grupos estables de convivencia de 10 persoas. Cun risco medio, só poderán realizar actividades grupais os grupos de convivencia. Cando o risco é alto estes grupos reduciranse a 5 persoas.

Flexibilízanse as visitas nas residencias
Con risco baixo permitiranse visitas de tres ou máis persoas de referencia unha vez ao día, e tamén se permitirán as saídas ao exterior do recinto unha vez ao día. O persoal externo poderá acudir ao centro para realizar as actividades pertinentes.

Cun nivel de risco medio, serán dúas as persoas de referencia e as visitas se espacian a dúas por semana e, nunha situación de nivel de risco alto, soamente poderá acceder ao centro para visitas unha persoa de referencia, unha vez á semana.

Se é posible, a visita desenvolverase nun lugar aberto axardinado e, cando non exista esa posibilidade, habilitarase unha sala específica cerca do acceso, ventilada con aire exterior e con circuítos de entrada e saída. Só se realizarán visitas na habitación no caso de persoas residentes encamadas ou na fase final da vida.

O protocolo tamén recolle que as persoas con discapacidade que realizan habitualmente saídas de fin de semana ao domicilio familiar poidan seguir facéndoo e que se lles realizará un test cando volvan ao centro.