O Goberno de España está a enfrontar a expansión do COVID-19 coa declaración do estado de alarma. Esta situación de excepción obrigou non só a tomar medidas como a limitación da circulación, o peche de fronteiras ou de establecementos e comercios que non se correspondan cos servizos básicos, senón tamén a outras iniciativas para «facer fronte ao impacto económico e social».
Estas están recollidas no último Real Decreto, de data do martes 17 e publicado no Boletín Oficial do Estado do mércores 18. O texto ten na súa redacción un lugar especial para os servizos de telecomunicacións, aos que recoñece un carácter «imprescindible e estratéxico», tanto pola súa integración actual na economía e a sociedade como polas condicións actuais, nas que se está fomentando o teletraballo e a formación online.
A este sector dedica os artigos 18, 19 e 20, fundamentalmente para asegurar a súa prestación e mantemento pero tamén coa vista posta no posible risco derivado do seu carácter comercial. Así, entre as medidas aprobadas en relación con esta materia, o Goberno suspendeu «todas as operacións de portabilidad de numeración fixa e móbil que non estean en curso, excepto en casos excepcionais de forza maior».
O obxectivo desta prohibición é evitar os contactos físicos que se derivan destes procesos; isto é, tanto a presenza da cidadanía en establecementos como eventuais visitas aos domicilios do persoal encargado de realizar a instalación. As operadoras tampouco poderán lanzar campañas comerciais extraordinarias de captación, se estas supoñen un cambio de liña.
O Goberno garante, ademais, que as compañías non poderán suspender nin interromper os servizos que os seus clientes tivesen contratados no momento da declaración do estado de alarma. Só contémplase esta posibilidade en caso de ter que blindar a «integridade e seguridade das redes e dos servizos de comunicacións electrónicas».
O texto obriga a Telefónica, ademais, como provedor designado para a prestación do servizo universal de telecomunicacións, a garantir ao conxunto de beneficiarios actuais a súa prestación e manter como mínimo a súa calidade e as súas condicións.