- O ministro de Agricultura dixo que ve xustas as demandas dos agricultores e dos gandeiros españois e apela á colaboración entre administracións para poder axudarlles.
Agricultores e gandeiros de Galicia sacan os tractores á rúa convocados polas principais asociacións da comunidade: Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego e Asociación Agraria de Galicia (ASAGA). O foco está posto nas conexións entre Galicia e o resto do Estado. Na provincia de Ourense quedou cortada ao tráfico a N-525 na Gudiña e a OU 533 onde se mobilizaron arredor de 200 tractores. En Pedrafita, con presenza dun centenar de gandeiros a pé e tamén de tractores, cortaron o tráfico na N-VI, en dirección Madrid. Pero tamén na rede viaria que une Galicia coa cornixa cantábrica.
Nas cidades, as mobilizacións de Santiago e A Coruña colapsaron os principais accesos viarios. En Santiago, unha trintena de tractores concentráronse ante a Xunta, diante da Consellería do Medio Rural. Na Coruña, ao redor dunha vintena de tractores accederon ao centro da cidade cunha concentración convocada ante a Delegación do Goberno en Galicia, cunha pancarta co lema común de ‘En defensa do agro galego’.
A estas mobilizacións súmanse as convocadas en Lalín, Ortigueira e Vimianzo. Nas últimas horas quedou suspendida a manifestación prevista en Ribadeo. Reclaman tamén por parte da Administración o cumprimento da lei da cadea alimentaria.