As universidades públicas galegas contarán co orzamento máis alto da súa historia en 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participa no acto de entrega dos Premios Fin de Carreira da Comunidade Autónoma de Galicia 2021. , 20/12/22.

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, subliñou que as universidades públicas galegas contarán co orzamento máis alto da súa historia en 2023 para seguir apostando polo talento e o I+D+i. O titular da Xunta destacou o dato na súa intervención no acto de entrega dos Premios Fin de Carreira da Comunidade Autónoma de Galicia 2021, ao que asistiu acompañado, entre outros, polo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e os reitores das tres universidades públicas galegas.

Alfonso Rueda expresou o orgullo de Galicia polos 82 currículos brillantes que foron recoñecidos no acto e polo talento dos seus titulares para conseguir tan magníficos resultados nas súas carreiras.

O Goberno da Xunta entende que investir en educación é reinvestir no benestar da sociedade galega, na súa prosperidade e na súa convivencia, desde as primeiras etapas da educación infantil -agora gratuíta na Comunidade- ata a universitaria -que leva once anos coas matrículas conxeladas-. Nese sentido quixo tamén recoñecer o labor das universidades públicas galegas como “catalizadoras das capacidades do seu alumnado e como motores da Galicia innovadora” que aspira á excelencia.

Alfonso Rueda lembrou que a Xunta acompaña ás institucións académicas nese percorrido cun financiamento estable que permitirá mobilizar máis de 3.170 millóns de euros ata o ano 2026, tal e como recolle o Plan de Financiamento Universitario, e que os orzamentos do Goberno galego para o 2023 dispoñerán da maior partida da súa historia -case 490 millóns de euros, un 5% máis que o ano anterior- na súa aposta polo I+D+i e coa finalidade de atraer e reter talento e de adaptar o mapa de titulacións ás esixencias do mercado laboral e dos retos que se lle presentan á sociedade galega.