Este luns tivo lugar a presentación do proxecto do novo CHUAC, no primeiro trimestre de 2023, iniciaranse as obras do novo hotel de pacientes, para logo comezar as actuacións do viario e nos accesos, así como a demolición do actual hotel de doentes. E, no segundo trimestre de 2024, iniciaranse as obras do resto da Fase 1, co obxectivo de que, no primeiro trimestre de 2025, finalicen as do viario e accesos.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a alcaldesa da Coruña Inés Rey, foron os encargados de presentar as obras de ampliación do novo hospital, cuxos traballos se prevé que estean finalizados ao 80% en tres anos, en 2025. Este proxecto ampliará a superficie do hospital coruñés de 85.000 metros cadrados a 255.000.
Feijóo recordou que as obras da Fase 0, que contan cun orzamento de 13 millóns de euros e que estarán rematadas ao longo deste ano, inclúen, entre outros aspectos, a creación dunha nova planta de hospitalización e a ampliación das Urxencias, do servizo de farmacia e das camas en UCI.
Inés Rey sinalou a importancia de «poñer en valor un hospital que cumpre medio século de vida e que é unha referencia en toda España, de aí a necesidade de continuar co seu crecemento sen destruír o existente». «Queriamos un modelo de hospital sostible económica e ambientalmente, que blindase o seu carácter público como fixemos a través do convenio que asinamos coa Xunta hai un ano no Pazo Municipal de María Pita».
